A célula é a unidade estrutural e funcional mínima con
vida, a cal é capaz de realizar tódalas funcións características ou vitais de
calquera organismo vivo: a nutrición, a relación co medio que a rodea e a
reprodución. Todos os seres vivos existentes posúen, cando menos, unha célula.
Estes seres formados por unha soa célula son os chamados organismos
unicelulares, mentres que se están constituídos por un conxunto de varias (de
ata millóns) reciben o nome de organismos pluricelulares. A maioría das células
son invisibles para o ollo humano, polo que fan falla microscopios para poder
observalas. Malia isto, non todas as células teñen o mesmo tamaño, deste xeito
podémonos atopar con células moito máis grandes ou pequenas ca outras. Entre as
células máis grandes coñecidas atópanse os ovos non fertilizados da avestruz e
as células nerviosas que teñen as xirafas ao longo do seu pescozo, as cales
poden chegar a acadar máis de 3 metros de lonxitude.
As células divídense en dous grandes grupos: as
células eucarióticas, as cales teñen un núcleo celular que contén o material
xenético e que está diferenciado e separado por unha membrana celular dobre; e
as células procarióticas, as cales teñen os xenes no citoplasma celular e non
está limitado por ningunha membrana, carecendo tamén de moitos dos orgánulos da
célula eucariótica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario